Esta ruta ven a levar ó viaxeiro polos puntos de maior altitude da Serra do Caurel dende onde se poden contemplar os paraxes máis fermosos do Concello do Caurel e limítrofes e incluso máis aló; en días claros pódese ollar perfectamente: o Val de Lemos, a cidade de Lugo, as estribacións de Pena Trevinca onde fan límite as provincias de Ourense, León e Zamora, e tamén as Médulas e os montes do Teleno. Sen lugar a dúbidas, si o tempo nos acompaña, a nosa vista pode empaparse de beleza que ofrece a alta montaña
CARTOGRAFÍA:
Mapa topográfico Nacional. Escala 1:25000. Follas: 156-IV (Salcedo),
157-I (Seoane do Courel) e 157-III (A Seara)
CARACTERISTICAS:
- DISTANCIA: Pouco máis de 18 quilómetros.
- DURACIÓN: 6 horas Aprox. si facemos a ruta de seguido.
- DIFICULTADE: Media.
- DATAS ACONSELLABLES: Mellor en primavera. Recomendable a partires de abril, tamén en verán nestas datas son frecuentes as tormentas, a estas altitudes impoñen un pouco. Tamén son boas datas os meses de Outono pola espectacularidade e colorido da paisaxe. En inverno é frecuente atopar neve ou o chan conxelado, as temperaturas son moi baixas. A ruta é apta e axeitada para facer en bicicleta de montaña e en coche todo terreo; discorre na súa totalidade por pistas forestais, un punto a ter en conta para os que a fagan en todoterreo está entre o quilómetro 18 hasta o final, unha forte pendente fai perigoso o percorrido.
DESCRIPCIÓN DA RUTA
O punto de partida atópase no Alto do Boi no quilómetro 11,3 da estrada LU-651 de Quiroga a Seoane do Caurel-Pedrafita. Eiquí podemos deixar o vehículo si decidimos facelo a pé, unha estrada con firme en terra parte en ascensión dende a estrada en dirección Folgoso, un panel indícanos a Piapáxaro; o tráfico desta pista é maioritariamente o das canteiras de pizarra e concretamente os camións que baixan a pedra para ser elaborada en Quiroga.
Continuamos sempre pola estrada máis ancha; levamos 2,1 quilómetros, a pista fai un recodo, de fronte sae un camiño, nós continuamos pola pista ancha, en todo momento nas dúas marxes do camiño todo só piñeiros; a suave subida remata, hai un leve descenso; ó pouco atopamos unha construcción á dereita, é unha das naves das louseiras; eiquí xa se comeza a ver a desfeita que se está a facer coa extracción da pizarra, contemplamos a inmensa ferida feita no monte, aló abaixo a aldea de Pacios da Serra. Continuamos pola ladeira orientada ó Sur, ó pouco unha pista asfaltada parte en ascensión á dereita, esta leva ós repetidores de televisión e de telefonía, continuamos polo mesmo camiño que traiamos hasta encontrar un cruce de camiños, dende eiquí xa podemos ver o Val do río Lor, ó fondo á esquerda Folgoso, capitalidade do Concello, enfronte outras poboacións do Caurel e dos concellos de Samos e Incio entre outros. De fronte da dirección traída e logo de percorrer 8 quilómetros, a pista pola que chegamos hasta eiquí desvíase á dereita; de fronte parte un cortalumes que sube hasta o pico de Piapáxaro, á esquerda do cortalumes sae unha pista en suave ascensión orientada ó norte, este é o camiño a seguir. Este punto denomínase Campa de Abedul. Neste punto tamén atopamos á nosa esquerda na dirección traída unha pista que descende en dirección a Folgoso.
Continuamos polo camiño descrito de fronte á esquerda do cortalumes e empezamos a ascender; ó rato atopamos un camiño á esquerda e un cartel en madeira que indica “tanque”, si necesitamos auga podemos desprazarnos, eiquí soe haber auga todo o ano. Continuamos ascendendo; a altitude xa comeza a notarse, eiquí podemos ver como as plantacións de piñeiros medran moi lentamente, se nos fixamos ó arredor pode resultar fácil ver algún corzo fuxindo ó decatarse da nosa presencia e algunha aiga ou outra rapaz voando enriba das nosas cabezas. A subida continua, atopámonos cun camiño que sae á esquerda, esta indicado “Mirador de Penaboa” podemos desprazarnos hasta este mirador, as vistas son espectaculares. Debaixo do mirador ollamos os tellados de Ferrairós de Arriba e de Abaixo e de fronte as Fontes de Fedo; dende o cruce do camiño hasta o mirador hai uns 400 metros. Seguimos describindo a ruta e camiñando, enriba de nos xa podemos ver o Piapáxaro e no seu pico a caseta de vixilancia do servicio de incendios. Logo duns recodos e de percorrer 11,5 quilómetros dende o porto do Boi un camiño ascende á nosa dereita en dirección o Piapáxaro é o camiño que podemos coller para subir hasta o alto, o segundo en altitude do Caurel logo de Formigueiros. Dende o cruce hasta o pico hai un quilómetro, xa podemos calcular o tempo que nos levaría subir e baixar. Vale a pena subir, dende alí as vistas son impresionantes aínda se poden ve-los restos do penal de Vilarbacú e o pobo.
Seguimos coa ruta; dende o cruce de o Piapaxaro seguimos ascendendo, un pouco máis arriba un cruce de camiños, á dereita indica Cruz de Outeiro, á esquerda Fedo, nós seguimos de fronte; xa estamos camiñando por enriba dos 1500 metros de altitude...!, logo duns metros llaneando, vendo ó fondo o val da Seara comezamos a descender pola ladeira contraria hasta topar cun cruce de varios camiños, xa levamos 14,3 quilómetros percorridos... iso si non decidimos desviarnos da ruta indicada. Este punto ten o nome de Campa de Lucenza, o primeiro dos camiños que parte á dereita, en pronunciado descenso e sempre para a dereita lévanos á Lagoa de Lucenza, un pequeno lago glaciar de gran beleza; a finais do verán é fácil ve-la case seca. Dende o cruce de camiños hasta a lagoa hai 800 metros. Outro camiño que parte un pouco máis adiante, tamén á dereita leva hasta un tanque de recollida de auga, a uns 100 metros aprox.; bo lugar para facer unha parada e tomar un trago. No citado cruce da Campa de Lucenza tamén parten á esquerda dous camiños, os dous levan á entrada da Rogueira; si decidimos achegarnos, mellor coller o máis ancho e que sae para abaixo; dende eiquí á entrada da Rogueira un quilómetro aprox. pero a nosa travesía continúa... Para arriba un pequeno xiro á esquerda e comeza a ascender o camiño, seguindo a pista encontramos un camiño á esquerda que sube hasta o alto de Formigueiros (1640 mts) por si queremos visitar o punto máis alto do Caurel .
Continuamos o noso camiño, eiquí suavízase. Ós 500 mts parte un camiño á dereita, este leva hasta a aldea de Vieiros; seguimos o noso camiño de fronte e o pouco comeza unha forte pendente, xusto enriba das famosas Fontes do Cervo; debaixo de nos podemos admirar a maxestosa Devesa da Rogueira, este tramo de forte descenso é perigoso para os todoterreo ou bicicletas, é necesario extremara precaución. Continuamos, o camiño fai un pequeno descanso para logo tomar de novo o descenso que nos leva o final da ruta ó Alto do Couto a 1.320 metros de altitude. Eiquí atopamos a estrada asfaltada que leva dende Seoane a Visuña e Ferramulín, xa fixemos os 18 quilómetros do percorrido!!!.
CONSELLOS:
-
Si fas a ruta nos meses de verán mellor leves auga e algo de comida, a calor nestas alturas aprema.
-
O calzado e roupa deben de ser o máis cómoda posible recorda que si fas o camiño no inverno atoparás baixas temperaturas e no verán e fácil coller unha insolación si non te protexes.
-
O ser unha travesía larga, o camiño normalmente faise nunha soa dirección deixando o vehículo lonxe do punto final da ruta, por eso é bo previr como facer o regreso para recoller o coche.
-
Si fas a ruta en Bicicleta ou Todoterreo non te adentres noutros camiños, pode ser perigoso e o mesmo tempo interferir na tranquilidade dos animais que viven na zona.