A ruta da que imos falar a continuación, ruta do Túnel - Acueducto Romano de Romeor, está situado na antiga louseira que había na mencionada aldea na faldra do monte do Sumedo. O lugar onde se atopa concretamente este Túnel, coñecido tamén como A Antigüaou Cova da Louseira é denominado polos veciños Monte das Valiñas.
Este túnel ou canle para pasar a auga do Carrozo da Escada foi construído entre os séculos I a III d.c., posiblemente coa finalidade de aproveitar a auga para lavar o mineral aurífero (Minas auríferas romanas de Millares e do Torubio, próximas á aldea de Romeor). A súa lonxitude non sobrepasa os cen metros e dada a súa altura pódese facer o percorrido de pé e sen dobrarse salvo na metade que hai que inclinarse un pouco para evitar o choque frontal contra a pedra. Aconséllaselles a todos os visitantes que vaian equipados con botas de auga ou zapatos de montaña e unha lanterna para poder atravesalo sen ningunha dificultade, posto que en calquera das estacións do ano sempre imos encontrar algunha auga que se filtra na terra do ucedo.
Como facer para chegar a esta Canle escondida entre as pedras no medio das uces? Moi doado, non hai perda ningunha; vindo de Millares cando acaba a baixada hai un indicador á dereita que nos leva á aldea de Romeor onde imos atopar indicadores que nos conduzan ao Túnel. O aconsellable é deixar o coche neste punto, na ourela da estrada, dado que é posible non atopar un sitio adecuado no núcleo para estacionar. Unha vez na aldea de Romeor o percorrido só pode ser camiñando, xa que as condicións orográficas non permiten facelo doutro xeito, haberá que camiñar por camiños con moitas pedras, auga e sendeiros estreitos. Aínda que o camiño está perfectamente sinalizado non se pode deixar de mencionar algúns puntos de interese polos que o camiñante deberá pasar; seguindo sempre á beira do río Romeor ou Río Maior (RIVUM MAIOREM), orixe do nome da aldea, imos ver á marxe dereita do río un muío de auga, logo, no final da aldea, en Penatallada, onde se xunta o río que ven da devesa coa auga que baixa do Carrozo da Escada, hai que deixar o río á esquerda e seguir o camiño de pedra que temos á fronte; unha vez acabada a costa máis pronunciada o viaxante estará no lugar chamado “A Medorra” desde alí pode ver á man dereita un monte con piñeiros chamado Chao da Tara ondeestá situada a Aira dos Mouros (orixe de moitas lendas populares). Despois de camiñar uns metros polo sendeiro, antes camiño de carros, hai unha bifurcación que debemos coller á esquerda; continuando a subida teremos que desviarnos novamente á esquerda para atravesar os cascallos da antiga louseira que nos levan á entrada do túnel (para as persoas que teñan vertixe sería convinte que non atravesasen os cascallos e que continuasen o Carrozo da Escada para entrar pola saída). O tempo que se tarda en atravesar o túnel é mínimo pero resulta unha visita moi interesante e ¿como non? !Un percorrido cunha panorámica abraiante!
- DIFICULTADE. Media. Non apta para persoas discapacitadas en cadeira de rodas.
- PERCORRIDO TOTAL DA RUTA.3 kms.
- DURACION. 1 hora (ida e volta)
- ALTITUDE POLA QUE DISCORRE A RUTA. Entre 960 m ata 1050 m aproximandente
- MELLOR EPOCA PARA A RUTA. Todo o ano, preferiblemente de maio a novembro por seren os meses de menos chuvia.
- ROUPA E CALZADO. Roupa cómoda para camiñar e botas de montaña
- IMPRESCINDIBLE. Unha lanterna
(1) Buscadores de tesouros que atopan ouro mído, logo císcano por todo o monte de Bustelo e este estará brilando durane moitísimos anos, sobre todo pola noite.
Publicado en Revista A Candea Nº 2. Nov 2000