ADEUS A UNHA LOITADORA…

Malia que, eu prefiro dicir deica logo, no canto de dicir adeus; pois as persoas cando morren seguen a estar vivas mentres haxa quen se lembre delas. No entanto; cando xa ninguén as lembra, daquela si que morren para sempre.

O pasamento dalguén sempre é motivo de tristura; porén, cando se trata dunha persoa tan vital, optimista, dinámica e comprometida coas causas xustas, o pesar é aínda maior.

Esperanza era así de seu, amiga dos seus amigos, loitadora, viaxeira incansable, disposta sempre a axudar aos demais, con moitas gañas de vivir e aprender.

A fins dos anos noventa, Esperanza leu un artigo que falaba de O Caurel, nun xornal galego e plantouse aquí de contado. Foi chegar e namorarse desta terra, da paisaxe, costumes e mesmo da vida que levaban as xentes da contorna. Asemade era socia moi participativa da Asociación Fonte do Milagro e sempre miraba de facer algo no canto de perderse en lamentacións.

Cada día gostaba máis de vivir aquí, ata fixo plans para instalarse aquí: alogou unha casa en Meiraos e aquí pasaba as horas devagar, as festas e todo o tempo de lecer…Mais ela quería vivir no Caurel; era o seu proxecto, un proxecto que nunca abandonou…Quería mercar unha vivenda, un cacho de terra, uns castiñeiros e ser unha veciña máis. Pero alguén dixo que non…E un día xurdiu no seu interior algo que como ela dixo “ non tiña que estar alí “ e como era unha loitadora gardou as bágoas para máis adiante, loitou e grazas ao seu espíritu de loita, e mailas súas gañas de vivir ese “algo” axiña liscou do seu corpo. Porén o inimigo era forte e engañoso e novamente xurdiu no seu interior cunha bravura endiañada “ Outra pedra no meu camiño” Iso foi o que dixo. Outro atranco máis… e a seguir loitando. Os días pasaban paseniñamente, ata que a batalla foi gañada . Atrás ficaban moitas horas de calada loita, e moita emoción contida.

Cando todo ese pesadelo xa principiaba a esvaecerce e xa parecía esquecido “Outra pedra no camiño” o inimigo rexurdia novamente e con maior bravura. A loita continuaba, e neste 2014 Esperanza, xa albiscaba que ía a librarse a batalla decisiva…e desta volta, tocou marchar…

Era unha mañá morna e solleira do mes de marzo. Esperanza aínda soñaba co seu proxecto de vivir nesta terra, namentres no Caurel florecían as violetas… Porén; era a hora e alí estaba ela, tan puntual coma sempre…

         DEICA LOGO, ESPERANZA!!! BOA VIAXE!!! EN DIANTE, QUE A TÚA LUZ ALUMEE O NOSO CAMIÑO!!!

                                          J. Alfonso Parada Jato

A Candea

  • Colección Revista A Candea
  • Selección de artículos

En esta sección puedes acceder a artículos individuales de A Candea: Selección de artículos

Leer más

Canal de video Fonte do Milagro

Acceder